Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xosé Manuel Vega, decano do Colexio de Xornalistas de Galicia

"Segue arraigada a percepción social de que se dan subvencións a medios a cambio de trato de favor"

No Día Mundial pola Liberdade de Prensa, achegámoslles unha conversa con Xosé Manuel Vega. Aquí poden escoitar un extracto.

Roberto Noguerol - 08:00 03/05/2007



Cando se fala de liberdade de prensa, parece que se tende a pensar nas censuras que se denuncial polo mundo adiante, pero vostede desde o Colexio de Xornalistas galego ha de ter noticia dos atrancos diarios dos xornalistas do país... Nese sentido, que balance fai deste último ano?
Eu citaría o que foi presidente e pai da Constitución nos Estados Unidos, Thomas Jefferson, quen despois de chegar á presidencia logo de ser un loitador pola liberdade, recoñeceu ter comprobado nas súas propias carnes o molesto que era a liberdade de prensa para un gobernante. Eu diría non só para o gobernante, senón para o poder en xeral, que hoxe non está só nos gobernos.

A liberdade de prensa implica que os cidadáns poidan coñecer os verdadeiros entramados e relacións que doutro xeito terían complicado percibiren. E iso sempre condiciona reaccións hostís que nada teñen que ver nin coa lóxica da información nin coa lóxica da democracia.

En Galiza no último ano non podemos dicir que houbese cambios sustanciais nin para mellor nin para peor. No que lle toca á información e a comunicación, o actual executivo ten no seu acordo de goberno algúns compromisos referidos aos medios, en concreto a reforma da lei de creación da CRTVG para que o director sexa escollido por maioría cualificada de dous terzos. Desde o Colexio confiamos en que esa promesa se vexa cumprida. Tamén temos insistido na necesidade da transparencia das subvencións aos medios. Estamos nunha democracia, e unha democracia de calidade tamén ten que ter a información garantida con todas as medidas que se requiran.

Está ademais o problema da precariedade na profesión xornalística...
Os xornalistas deben estar nunha situación estábel. Nunha situación laboral precaria, pouco sentido ten falar da liberdade de expresión ou doutros dereitos teóricos que en principio amparan ao xornalista, pero que na práctica vense erosionados se o xornalista está nunha situación laboral moi feble ou con soldos moi baixos. Pouca fronte lle poderá facer así a calquera directriz contraria ao que eticamente considera que é o seu deber de informar debidamente.

Hai xa seis anos desde que vostede liderou a iniciativa lexislativa polos medios públicos, parece que non se ve que esa arela vaia conseguirse aínda a medio prazo? Vostede é optimista?
Desde a miña perspectiva persoal, vexo que estamos no ecuador da lexislatura e que tempo para facer algo tiveron. Polo que eu sei de momento non se moveu nada. O goberno da Xunta neste momento ten posibilidades de facer avances neste eido. No seu momento, ás persoas que promovemos aquela iniciativa, as forzas que agora gobernan dixéronnos que era un proxecto necesario, que o noso esforzo tiña un valor cívico e democrático importante. Loxicamente, nós non buscabamos palabras de agradecemento nin palmadas nas costas. Entendiamos que había unha situación lesiva para os traballadores dos medios públicos, e lesiva tamén para os dereitos dos cidadáns galegos a recibir información veraz e plural. Até o de agora esa situación non mudou.

Dá a impresión de que as críticas do PPdeG aos informativos públicos parécense moito ás que antes facían PSdeG e BNG...
A oposición está facendo un discurso típico. Non deixa de ser positivo que o Partido Popular vexa ben agora aquilo que antes votaron en contra. Entendo que os políticos deben ter altura de miras e tratar de ver que quen debe buscar beneficio é a sociedade, a verdadeira propietaria dos medios públicos.

E no caso concreto das subvencións aos xornais, ve vostede cambio de tendencia, continuidade de inercias?
É un tema máis complexo. A min gustaríame que como en todas as cuestións importantes do país o debate se fixese con todas as cartas boca arriba. Que se leve o asunto ao Parlamento e que se debata claramente sobre a situación. Se o que acontece é que para o desenvolvemento do país é necesario que exista un tecido de medios privados forte, e se dadas as circunstancias socioeconómicas de Galiza non se pode manter por si mesmo na actualidade, dado o mercado publicitario e o número de lectores, se para manter un tecido de medios forte son necesarias axudas públicas porque se trata dunha cuestión de interese xeral...

Entón haberá que falar con claridade, levar iso ao Parlamento, que figure nos orzamentos, poñer criterios obxectivos e que todo o mundo saiba canto recibe cada quen e para que. E iso deberá ir unido a criterios importantes: uso do galego, mantemento de traballadores en condicións que non estean no gume da irregularidade... Agora dá a impresión de que a situación é outra e de que se usan as subvencións como instrumento para o trato de favor para o goberno que as conceda en cada caso. Non digo que sempre funcione así, pero a sospeita segue arraigada entre os cidadáns.

Por outra parte, vai para un ano da concesión que o goberno fixo, malia o propio desacordo interno, das licenzas da televisión local dixital... isto segue freando un espazo de comunicación realmente galego?
Desde logo, no seu momento a concesión por exemplo dunha licenza á Cadea Cope, non apuntaba na boa dirección. Respecto ao resto, haberá que ver como se concreta a súa posta en marcha. Que teñan unha base territorial estritamente galega, pode á fin mesmo non ter un significado real. De momento está por ver a concreción en programación, a aposta de cada unha delas, para pasar a facermos unha valoración.

Avánzase tan lentamente nestas cousas porque se cadra non hai unha percepción social da importancia destes problemas?
Todo isto do que falamos denota unha falta de cultura democrática. Esas necesidades de calidade democrática non son percibidas con tanta claridade como outras máis comunmente recoñecidas: sanidade, educación... Aínda que forman parte dese corpus de dereitos básicos que protexen todas as constitucións democráticas do mundo, é certo que non son percibidas como unha eiva grave e que os gobernos non dan os pasos coa premura que deben.


Ligazóns

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: