O documento, aprobado polo Consello da Xunta este xoves, ten como fin realizar o inventario, salvagarda e posta en valor do acervo cultural inmaterial galego.
A Consellería de Cultura e Deporte participa con 150.000 euros, a de Innovación e Industria, con 75.000 euros e Agader achega 30.000 euros. As universidades de Santiago, Vigo e A Coruña asumen a planificación e execución do proxecto. Na primeira fase, crearase un inventario sistemático do conxunto do patrimonio inmaterial. En base a este, deseñarase un programa de recuperación e promoción do patrimonio inmaterial que se levará ao cabo durante cinco anos. Este proxecto contempla medidas para dar a coñecer a riqueza do noso patrimonio e darlle maior difusión por medio de actividades enfocadas ao progreso turístico e económico.
O patrimonio inmaterial é o pertencente á cultura tradicional galega: tradicións e expresións orais, rituais e actos festivos, técnicas artesanais tradicionais e coñecementos e usos relacionados coa natureza. Neste vizoso acervo entran dende as tradicións mariñeiras e os saberes relacionados co agro até a medicina tradicional ou as crenzas e lendas. Hai pouco máis dun ano, levouse adiante unha intensa campaña pola defensa da candidatura do patrimonio inmaterial galego portugués para ser recoñecido pola UNESCO como obra mestra.