Entre as mellores obras infantís e xuvenís do mundo, a Biblioteca Internacional da Mocidade de Múnic escolleu este ano tres galegas: A princesa do Caurel, de Patacrúa; A sombra descalza, de An Alfaya; e Smara, de Paula Carballeira.
A lista White Ravens, publicada pola Biblioteca Internacional da Mocidade de Múnic fíxose pública no marco da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. Nesta feira participa un stand cunha boa mostra da produción editorial galega, encabezado pola delegada provincial da Coruña da Consellería de Cultura e Deporte, Milagros Lantes.
A consellaría publicou, en colaboración con Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), Children’s Book from Galicia, un catálogo de 94 títulos representativos da nosa literatura infantil e xuvenil. Nesta publicación, presentada en galego, castelán e inglés, tamén se ofrece información de ilustradores e escritores do país. A delegación de Cultura seguirá en Boloña até o 27 de abril, e por esta feira pasarán autores como María Reimóndez, Xosé Antonio Neira Cruz, Miguel Vázquez como representante de Gálix, e Manuel Pena Villar (Manel Cráneo) e Óscar Villán en nome da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).
Son dezasete as editoriais galegas que exhiben a produción literaria galega en materia de conto, poesía, teatro, cómic ou libro didáctico para público infantil ou xuvenil: A Nosa Terra, Baía Edicións, Ediciós do Castro, Edicións do Cumio, Everest Galicia, Editorial Galaxia, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, OQO Editora, Obradoiro, Tambre, Xerais, Rodeira, Sotelo Blanco, e Toxosoutos. Ademais de participaren no stand colectivo do departamento de Cultura, tres editoriais galegas teñen espazo de seu na Feira: Nova Galicia Edicións, Kalandraka e OQO Editora.