Aproveitando que Badalona ten porto deportivo do trinque, Furafollas Agrupación Teatral decide desembarcar nesta vila para dar comezo ás celebracións do Día das Letras Galegas e ir despedindo o Sant Jordi. Quen ousa saltar do lombo do dragón para caer nos versos de María Mariño?
Aterrar na vila que é ponte entre Barcelona e o Maresme comporta regueifas raianas e afagos mariños. Os Troleiros de Provença, título do ciclo de actuacións que Furafollas Agrupación Teatral confecciona anualmente e que decote ten unha periodicidade mensual, despiden o mes de abril, o mes de Sant Jordi, cunha actuación a cabalo entre a gran festa das letras galegas que logo chega e a querencia polas performances e os alicerces da tradición oral. A humanidade de sempre tivo e ten a necesidade de contar historias para entender o mundo no que vive, para transcender o cotián. Os Troleiros teiman nese vieiro. “Mulleres no Tempo” é o título xenérico co que esta tempada se presentan Os Troleiros ante a sociedade catalá, tema que coincide co eixo transversal proposto polas entidades que forman Rede.cat, coordinadora á que Furafollas está adherida.
Este ano, uns dos primeiros do milenio (o 007), ano detectivesco, pescudador e cinematográfico, Os Troleiros recuperan cantares de cego centenarios, textos actuais e referencias á autora a quen a Real Academia Galega decidiu adicar o Día das Letras Galegas 2007. No cómputo total é a cuarta muller a quen se homenaxea nas Letras Galegas desde 1963. María Mariño, poeta e narradora, muller no seu tempo, naceu en Noia e foi quen de vivir boa parte da súa vida no Caurel, a montaña de interior, con marusía e ondas de fragas e soutos.
O ollar que foxe de Noia até o Caurel, a premonición da enerxía da lingua na que María Mariño escribía, o vento que roda monte abaixo para chegar ao mar, están presentes nestes versos do seu libro Palabra no Tempo:
Días de maio, mañanciñas, cores dunha tarde de mar!
En min baten aires de ontes e camiños sin andar.
ACTUACIÓN DE FURAFOLLAS
Día 29 de abril, ás 18 h
Espai Betúlia
Enric Borràs, 43-47 (Badalona)