Sistemas Metálicos Caamaño, que xa presentou a súa proposta na Xunta, recolocaría medio cento de traballadores
A crise laboral que sofre a empresa La Toja, en Culleredo, está a piques de se resolver. Os 148 traballadores de Henkel decidirán este mércores en asemblea se aceptan as condicións da empresa alemana para o despido. Dende Comisións Obreiras, o sindicato maioritario na factoría, coidan que o acordo está moi preto. A empresa ofrece prexubilacións para os operarios maiores de 52 anos (un total de 53) e 60 días de indemnización por ano traballado aos restantes empregados. Fontes sindicais confirmáronlle a Vieiros que valoraban a oferta da empresa como “moi positiva”.
Aínda así, a gran incógnita por despexar é o futuro uso das instalacións. Tal e como informabamos a semana pasada até o de agora foron dúas as empresas interesadas na compra. Todo apunta a que a empresa mellor posicionada nestes momentos é unha do propio municipio: Sistemas Metálicos Caamaño. Esta empresa está disposta a recolocar a medio cento de traballadores. Os operarios serían, en todo caso, menores de 45 anos. A empresa do metal está interesada dende hai tempo nunha ampliación das instalacións e é a mesma pola que apostou dende o inicio da crise o alcalde socialista Julio Sacristán.
Porén, nas últimas semanas un intermediario, que representaba a unha cosmética norteamericana, dirixiuse á Xunta para mostrar o interese polas instalacións. A oferta, por tratarse dunha industria do mesmo sector, espertou moito interese entre os traballadores que confiaban en que servira para recolocar aos 95 operarios que non poden acollerse ás prexubilacións. A diferenza do que ocorre coa empresa local, a multinacional aínda non puxo unha oferta firme enriba da mesa e hai quen ve a operación como unha sondaxe.