Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Touriño estreita lazos culturais e tecnolóxicos con Brasil

A diáspora, máis preto coa inauguración de doce novos telecentros de comunicación

Emilio Pérez Touriño aproveitou a primeira xornada da súa visita oficial a Brasil para inaugurar a Rede de Telecentros de Comunicación de Galiza.

Redacción - 08:00 17/03/2007
Touriño inaugurou por medio dunha videoconferencia a ‘Ponte Tecnolóxica con Iberoamérica'

Touriño inaugurou por medio dunha videoconferencia a ‘Ponte Tecnolóxica con Iberoamérica'

No seu primeiro día no país sudamericano, Touriño inaugurou a distancia doce novos centros da rede que une virtualmente os residentes en Galiza coa súa comunidade exiliada. O acto desenvolveuse en São Paulo a través dunha videoconferencia na que participaron os alcaldes de Verín e Monterroso e o presidente da Deputación da Coruña.

Na inauguración, o presidente da Xunta comprometeuse a que a finais de 2009 todos os galegos teñan un telecentro da rede a menos de media hora do seu domicilio, que lles permitirá de xeito gratuíto desenvolver accións de formación e encontros cos galegos residentes no exterior.

A través desta videoconferencia quedaron inaugurados os centros de Vedra, Santa Comba, Abegondo, Vimianzo, Lalín, O Carballiño, Xinzo, O Barco, Monterroso, Foz, Viveiro e A Fonsagrada. Deste xeito, a rede está formada agora por 31 centros.

Cooperación cinematográfica

Foi tamén en São Paulo onde o xefe do executivo galego asinou un protocolo de colaboración cinematográfica entre Galiza e Brasil co obxectivo de “favorecer e intensificar” a cooperación bilateral no eido da industria cinematográfica.

O presidente galego considera que a sinatura é un “acontecemento sen precedentes” para dar pulo ao intercambio e traballo conxunto nos sectores da produción e distribución cinematográfica entre Galiza e Brasil, e que servirá de “instrumento para o desenvolvemento” destas industrias en ambos territorios. Segundo Touriño, trátase dunha cooperación que servirá tamén para estimular unha difusión máis ampla da produción galega en Brasil e do cine brasileiro en Galicia”.

Logo de manter unha xuntanza con produtores cinematográficos de ambos países, Touriño sinalou que esta iniciativa ten que converterse “nunha mensaxe para a concordia entendida dende o respecto á diversidade, aos pobos, á solidariedade, a comprensión, en definitiva, a ese entendemento que cada día temos que traballar entre todos”.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: