A novela de Carlos G. Meixide O home inédito xa se pode mercar en formato tanxíbel. O acordo que fixo posíbel esta saída ao mercado asinárono hai pouco máis dun mes Ediciós da Rotonda, encargada de publicar o libro, e Rinoceronte Editora, que prestará apoio técnico na comercialización. A obra chega agora ao papel despois da boa acollida que obtivo na súa versión dixital. Máis de 1.500 lectores xa descargaron da web da Rotonda o exemplar en formato PDF.
O libro edítase nun formato pensado para a súa lectura no transporte urbano e, aínda na súa versión física, segue vencellado á rede. Está á venda na web de Rinoceronte por dez euros, que inclúen os gastos de envío. De todos os xeitos, segue a existir a posibilidade de descargar de balde da web de Ediciós da Rotonda a que foi a primeira novela en galego editada baixo unha licenza Creative Commons.