"Non liquidación, queremos produción". Foi unhas das consignas que se berraron este sábado na concentración na Coruña en contra do peche da fábrica de A Toxa – Henkel en Culleredo. Un milleiro de persoas denunciaron na manifestación que máis de 150 familias ven perigar a súa economía polo peche da factoría, o que contrasta cos 885 millóns de euros de beneficio do grupo Schwarkopf & Henkel no último exercicio.
Co apoio de sindicatos e representantes das principais forzas políticas, os participantes amosaron o seu descontento con pancartas como "Non á desindustrialización da comarca". O presidente do comité de empresa, Miguel Aguión, lembrou que se está a loitar "polos postos de traballo e para que non se desmantele a fábrica", e recoñeceu que "non se pecha a ningunha proposta industrial" en referencia á posíbel reconversión da fábrica para outro sector.