Actúan en Barcelona o recoñecido narrador oral Quico Cadaval e mais Narf (Fran Pérez), o cantautor galego que foi premiado no Eurofestival de Linguas Minorizadas 2006 e integrante da Psicofónica de Conxo . 'Obrigado', o espectáculo que ofrecen xuntos o vindeiro sábado 3 de febreiro, circulou por diversas localidades galegas e portuguesas. Ademais, para ir abrindo boca ofrécese unha contada de Quico Cadaval, titulada Phantasmas familiares, e como peche desa fin de semana intensa e entretida, un concerto de Narf. Consulta aquí o programa.
Quico Cadaval non precisa presentacións. Criouse nunha taberna, comezou a súa vida vendo o mundo á altura da petrina e escoitando a confusión de voces dos clientes da súa nai. Anos despois contáballe ás amizades as aventuras daqueles tempos escuros. Un día que Mofa e Befa non deron creado un esquetch para un compromiso botaron a Cadaval ao escenario e durante 40 minutos falou X falar. Foi o comezo da súa carreira na forma máis económica do teatro. Contar contos. Tivo dous grandes fracasos, unha actuación para bébedos enmascarados, no Entroido de Malpica, e un relato para presuntos asasinos na prisión federal de Pereiro de Aguiar... O seu é un dos nomes habituais nos festivais de oralidade.
Narf é a identidade máis sintética e acústica de Fran Pérez, compositor e cantor da Galiza que reparte a súa actividade entre o teatro e o rock. No teatro, recibiu diversos premios polas súas composicións, sobre todo na súa época co grupo teatral Chévere, escritas en sociedade con Pepe Sendón. Tamén colaborou con grupos como Mofa e Befa, Compañía de María, Ollomoltranvía entre outros. Traballou e traballa profusamente en Portugal, en especial con Trigo Limpo Teatro ACERT. No rock, é membro d'A Psicofónica de Conxo, coa que leva editados dous discos: 'Psicópolis' e 'Extramundi'.
Estes actos inclúense dentro do Ciclo os Troleiros de Provença e forman parte da Axenda Cultural Galega de Rede.cat. Organizan o Centro Galego de Barcelona e Furafollas Agrupación Teatral, co apoio de Filologies Gallega i Portuguesa da UB. Aconséllase puntualidade.
PROGRAMA
Phantasmas familiares, contada de Quico Cadaval
Venres 2 de febreiro de 2007 ás 19:30
Aula 111, Facultat de Filologia, Universitat de Barcelona
Gran Via de les Corts Catalanes, 595 | 08007 Barcelona
Obrigado
Narración oral e música de Quico Cadaval & Narf
Sábado 3 de febreiro ás 19:30
Centro Galego de Barcelona
Rambla Caputxins, 35-37 | 08002 Barcelona
Concerto de Narf
Domingo 4 de febreiro ás 19:30
Centro Galego de Barcelona
Rambla Caputxins, 35-37 | 08002 Barcelona