A novela O home inédito, de Carlos G. Meixide, publicada na rede por Ediciós da Rotonda, poderase ler en papel grazas ao acordo asinado con Rinoceronte Editora. A obra de Meixide, que xa superou as 1.500 descargas gratuítas na internet, dará un paso máis na súa difusión pública. María Yáñez, unha das impulsoras da editorial, confía en que o libro repita na súa versión impresa o éxito que tivera cando se difundiu de balde en formato dixital. Moisés Barcia, responsábel de Rinoceronte, explicou que o seu cometido na saída ao mercado de O home inédito será prestar o apoio técnico, mentres que todo o peso da edición caerá sobre A Rotonda.