Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
BAILE DE DATAS SOBRE A EXTENSIÓN DA BANDA LARGA

A Xunta aproba o plan para salvar o país da fenda dixital

O Consello da Xunta aprobou o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) este mércores. Entre a choiva de promesas institucionais, destaca que o 90% dos galegos poderán acceder a banda larga dentro de tres anos. Malia todo, o Plano, que debería coordinar o traballo de todas as consellerías, só ten "carácter orientativo". Algunha das súas claves son o fomento dos contidos en galego e as axudas ás empresas tecnolóxicas. A previsión orzamentaria é elevada, oitocentos millóns de euros a gastar en catro anos no primeiro plano para sacar o país da periferia dixital.

- 10:16 11/01/2007
Tags:

O portal do PEGSI desmiúza as oito estratexias operativas que lanzará o goberno. O apoio ás empresas tecnolóxicas é unha das máis importantes. Haberá máis de 176 millóns de cartos públicos para que as compañías galegas conquisten novos mercados.

Os galegos, de clientes a provedores
O goberno designa o audiovisual como a "punta de lanza" desta expansión. Trátase, explica a Consellería de Industria, promotora do PEGSI, de que as empresas galegas deixen de ser meros clientes dos servizos tecnolóxicos para transformarse en "provedores, capaces de competir no mercado global".

Para logralo, o departamento de Fernando Blanco concreta medidas como o apoio a creación de "contidos multicanle/multiformato" en galego, capaces de ser vendidos no exterior e, asemade, espertar o interese dos galegos que aínda non se conectaron á rede. Buscase explotar a converxencia das redes de telecomunicacións (internet, telefonía, televisión, etc.) para a "novas factorías de contidos".

Baile de promesas sobre a banda larga
Cada unha das oito estratexias operativas conta cunha previsión orzamentaria, por exemplo 122 millóns de euros para mellorar as infraestruturas. Iso si, trátase de "estimación orzamentarias". É dicir, que o PEGSI, que inclúe máis de 100 actuacións, non detalla polo miúdo en que se vai empregar o diñeiro público. Iso depende das decisións de multitude de organismos autonómicos, locais e estatais.

Curiosamente, Touriño informou hoxe que internet de alta velocidade chegará "a todos os núcleos de máis de 500 vivendas" a partir de 2009. Un dato que fixa o despregamento da banda de larga en Galiza por debaixo das promesas de Madrid, xa que Zapatero anunciou en xullo que "todos os municipios de máis de 250 habitantes terán cobertura de banda larga o ano que vén".

Catro mil empregos para converxer
As expectativas da Xunta pasan porque o sector tecnolóxico aumente a súa facturación un 30% nos próximos tres anos. É que Galiza, cun 3,4%, está lonxe das medias europeas (8,5%) e estatais (5,5%), no referido ao que fornecen as empresas de tecnoloxías da información (TIC) ao Produto Interior Bruto. O goberno propón medidas como, por exemplo, o fomento das certificacións de calidade e máis oferta formativa en tecnoloxía, con especial atención aos masters. A Xunta estima en 4.000 os empregos que Galiza necesita crear para converxer co desenvolvemento tecnolóxico estatal.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: