As eleccións lexislativas da próxima primavera en Estonia marcarán un fito. Por primeira vez, os cidadáns dun estado da UE poderán elixir o seu parlamento votando pola rede. Estes comicios serán un paso clave na carreira por crear un sistema de votación electrónica fiábel, que permita unha maior participación dos cidadáns na vida pública.
Para votar, os estonianos usarán unha identificación electrónica, similar ao e-DNI que se está a estender por Galiza. Os votantes introducen o seu documento electrónico nun lector de tarxetas, conectado a internet a través dun computador.
Estonia xa probou o e-voto nas eleccións locais de 2005. Un informe do Consello de Europa cualificou a experiencia de "éxito". Malia todo, o número de persoas que votaron pola rede daquela foi limitado (uns 10.000 sobre un censo de máis de 800.000 votantes) e, ademais, tratábase dunhas elección municipais.
Por iso, a próxima votación ao parlamento, chamado Riigikogu, é clave para comprobar se a través do voto electrónico se pode decidir o futuro dun estado. O ministro de Exteriores, Urmas Paet, invitou aos observadores da Organización pola Seguridade e Cooperación de Europa (OSCE) para comprobar a eficacia do sistema, que ten despertado unha gran expectación internacional.
Internet é un dereito en Estonia
Estonia é un dos países do mundo cunha maior penetración das novas tecnoloxías. De feito, é o único estado europeo no que o acceso a internet é un dereito recoñecido pola lei. Como resultado, máis do 60% da poboación ten un computador conectado a internet na casa.
En Galiza, o ensaio das autonómicas de 2005 careceu de validez legal. O sistema consistía en urnas electrónicas situadas en dous colexios electorais, ás que se podía acceder tras mostrar os seus DNIs convencionais. Sistemas similares ensaiáronse nos Estados Unidos, como método para evitar os problemas creados polos sufraxios de papel.
Discriminación lingüística
A seguridade e o anonimato do voto son algúns dos desafíos que debe superar a votación a través de internet antes da súa extensión definitiva. Entre as vantaxes están a rapidez e o gran aforro de custes, que poderían ser aproveitados para que os cidadáns votasen máis a miúdo do que hoxe en día.
Nas eleccións municipais estonianas, o Consello de Europa detectou algúns problemas. Semella que as persoas maiores e os habitantes do rural foron máis remisos a usar a e-votación. Ademais, a aplicación estaba dispoñíbel só en estonio, o que discriminaba a comunidade de fala rusa.