Desde Boiro para o mundo. O plan audiovisual do Concello de Boiro comeza a dar os seus froitos. Este ano, coincidindo co festival de cortos que organiza a área de Cultura, inaugurarase a aula multimedia do centro social, un equipamento financiado pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual que ampliará as posibilidades formativas dos barbanzanos así como a propia operatividade do plan audiovisual de Boiro no que se levan investidos uns 150.000 euros. Simultáneamente a concellería de Emprego e Mocidade está a impulsar unha iniciativa empresarial que ofertará servizos audiovisuais na comarca e que se nutre dos novos valores xurdidos do proxecto leñaverde. Deste xeito o Concello de Boiro pecha o ciclo na súa política cultural, que comeza coa formación de mozos e mozas no ámbito da creatividade e que remata coa profisionalización.
Precisamente a xuventude é o público principal ao que se dirixe o festival Acción!06 que se desenvolverá en Boiro a primeira fin de semana de Novembro. Actividades como o certame de vídeo rápido a toda mecha ou a iniciativa mobilízate onde competirán traballos gravados con teléfonos móbeis, tratan de captar o audiovisual cotián e de canalizar a creatividade da mocidade a través da cultura da imaxe na que vivimos.