Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A XUNTA INVESTIGARÁ EMPRESAS SIMILARES UBICADAS NOUTROS LUGARES

A empresa que causou o vertido no Umia non poderá volver á actividade

"Nese lugar non se vai permitir ningunha empresa desas características", asegurou o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, asegurando tamén que non haberá licenza para a reconstrución da factoría química de Brenntag causante do vertido que contaminou o río Umia. De paso, Vázquez informou que a consellaría investigará os plans ambientais e de seguridade co que contan outras empresas similares. Doutra beira, e logo de frear con diques o avance do vertido, este domingo iniciouse a captación de auga nun treito limpo do Umia para o abastecemento da comarca do Salnés. Ao tempo, a ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, anunciou que antes de fin de ano estará lista a lei de responsabilidade ambiental que lle esixirá ás empresas o pago de todos os gastos pola contaminación causada.

- 06:30 04/09/2006
Tags:

Haberá auditoría dos plans de seguridade cos que contan as empresas establecidas á beira dos ríos galegos e con actividades con potenciais perigos para o contorno, e segundo explicou o conselleiro de Medio Ambiente, a Xunta aplicará o "máximo rigor" á hora de autorizar o traballo destas factorías. De xeito concreto, a empresa Brenntag, causante do accidente da pasada semana, non poderá volver á actividade no lugar actual. Ao fío, o conselleiro recoñeceu que aínda non se coñece en detalle o que pasou e que hai aberta unha investigación para determinar as causas.

Por outro lado, na tarde do domingo autorizouse de novo a captación de auga do Umia desde a estación de bombeo de Ponte Arnelas, para abastecer de auga os fogares da comarca do Salnés. As análises realizadas noutros treitos do río separados da zona do vertido por diques, garantiron que a contaminación non chegou aló, polo que se decidiu o restablecemento do subministro. Con todo, seguirán as analíticas durante os próximos días. Ademais, e logo de que as análises confirmasen que a contaminación non chegou á ría, autorizouse a volta á actividade marisqueira.

Voluntarios do Proxecto Ríos
Voluntarios da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, e máis do Proxecto Rios, en colaboración coa Estación Hidrobiolóxica do Encoro do Con, da Universidade de Santiago de Compostela, recolleron durante a fin de semana peixes afectados polo verquido. Os voluntarios trasladaron os peixes afectados pola falta de osíxeno na auga desde o treito do río cotnaminado até uns tanques osixenados, e de aí cara a afluentes do Umia, para que unha vez recuperado o rio repoboen de xeito natural a área afectada.


Ligazóns

0/5 (0 votos)