Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AXENDA DE LECER

Cultura quente e peixiño fresco

Esta fin de semana metémonos de cheo na calor de verán: quen teña folgos despois de Ortigueira non pode faltar a unha nova cita coa música e o ambiente festivaleiro en Caldas. Pero tamén no Porriño e no Carballiño haberá concertos que non se poden perder. O 16 de xullo é o Día da Virxe do Carme, protectora de mariñeiros e honrada en toda Galiza con festas e procesións (e regatas de gameliñas dos rapaces na Guarda). non han falta percebes, polbo nin sardiñas para comprobar o que é o mar para nós. Outro patrón que está a volta da esquina, o Apóstolo Santiago, comeza o venres co pregón do actor Manuel Sanmartín e a voz de Rosa no Obradoiro. Indo pola costa, ben podemos para a comer uns percebes no Roncudo ou unhas "revenidas" en Vilaxoán (ou Velaixoán, tamén chamada), ou o delicioso polbo de Mugardos.

- 13:23 14/07/2006
Tags:

Culturas moi quentes
Chega outro dos festivais do verán: Cultura Quente: rock emerxente na carballeira, o venres con Bnegão e os Seletores de Frequencia, Canteca de Macao, Easyway e Telephunken no escenario Superbock, Le Punk, Dira, Zoo, Alameda do Soulna, Slowlee e DJ Moe no quente. E o sábado teremos no escenario Super Bock a Mando Diao, Heavy Trash, o regreso dos Enemigos (Ferpectamente, 20 anos despois, con Josele Santiago, Fino e Artemio), Robert Gordon e Chris Spedding, e Meu. No escenario quente, Lori Meyers, Los Coronas,Big Boss Man, Mesa, Igloo, Austria, Dj Lagartija, e Dj Isra. Os concertos e a acampada (entre os ríos Bermaña e Umia) son gratuítos. Tamén se desenvolverá Kaldarte, un proxecto artístico aberto ao público.

No Porriño, "Son de calquer lugar", un festival que aposta pola interculturalidade, unirá este venres a Mackfeck, integrado por escoceses, ingleses e galegos, ao angolano residente en Galiza Alberto MBundi, e ao brasileiro Renato Spencer. A cita é ás 23:00 na Praza de San Sebastián.

Imos até Lugo: en Baltar (A Pastoriza) temos o sábado o Festival da Chaira, coas Pandereteiras, Noitébregos, Tres trebóns, Kogito, Saldos Arias e Ther Nerds. En Begonte, feira de Pacios o mesmo sábado: cabalos, cetrería, cantares de cego e xogos populares nunha festa que se recupera logo de 50 anos. E en Ourense, concretamente en Chandrexa de Queixa, podemos acampar gozando da natureza da Serra e da música de GalegoZ, Autómatas Beat, Guezos, Balandraka e os Cuchufletos, tamén o sábado.

E na Abadía do Pelouro, en Caldelas de Tui, IntegrArte propón unha xornada lúdica para familias nas que pais e fillos gocen dos espectáculos de danza e dos monólogos de humor. Contará coa participación de dous gañadores do Certame de Monólogos Monolingües: Raúl Piñeiro, 1º premio da anterior edición e presentador do programa LUBA na TVG, e Leo Fernández, 2º premio na do 2004 e "kañautor."

En Compostela comezan as festas do Apóstolo, co pregón do actor Manuel Sanmartín e a actuación de Rosa López no Obradoiro, o venres ás 23:00. Durante a fin de semana gozaremos das Xornadas do Folclore Galego (sábado e domingo ás 22:00, na Quintana), e a partir do sábado comezan as noites na Alameda, onde se instalará unha carpa para practicar salsa, merengue e cumbia e poder dalo todo cando cheguen as verbenas. Ademais, o domingo, a mítica agrupación Colexiata de Sar de baile e música tradicional inaugura as noites no Toural.

E máis festas! Betanzos acolle o Fest@ctiva, que comeza o venres cun obradoiro de Grafite impartido por Seko e outro de Dj que correrá a cargo de Sokram de Dios Ke Te Crew e Dj Kaze, entre as dez da noite e a unha da mañá no Paseo da Tolerancia. En Matamá (Vigo) comeza o Matamá Folc, con Tátara Trío, Xistra de Coruxo e Os Cempés este venres.

E máis música
E o venres ás 23:00, o Malecón de Ribeira acollerá un concerto de Luar na Lubre enmarcado no ciclo As Nosas Músicas da Fundación Caixa Galicia, que levará o mellor da música a máis de trinta concellos de toda Galicia no verán. Grazas ao mesmo ciclo estarán Milladoiro na Praza Maior do Carballiño o venres a partir das 23:00, e João Afonso na Praza do Concello de Carballo o mesmo días ás 22:30. Este mesmo venres, a esa mesma hora, na Alameda de Gondomar, Lamatumbá despregará toda a súa enerxía.

O sábado ás 23:00 teremos a La Oreja de Van Gogh no Peirao de Transatlánticos de Vigo, antes de pasar polo Apóstolo compostelán. A entrada, por 25 €, pódese obter a través de Caixanova. En calquera caso, o sábado están nas Pontes de balde. A vila celebra as festas do Carme por todo o alto: tamén estará El Sueño de Morfeo o sábado. E no Coliseum da Coruña, este sábado ás 22:00 danse cita Belén Arjona, Mikel Erentxun, Revólver e Loquillo y Los Trogloditas. A entrada custa 20 €, 15 anticipada.

E en San Sadurniño agárdanos unha noite de hip hop este sábado: a partir das 23:00 estarán na Sala DZine El Parke Producciones, de Alkorcón, e unha serei de grupos ferroláns: Lirikal Fiyah + Selektah Zendan, Komando Parke + Dj Chali,
El Puto Chino + Nalia e Cheyenin Dada + Opi 1. A entrada con consumición custa 5 €.

Na vila coruñesa de Cambre, o Andén transformarase en sala de concertos o sábado, co grupo de rock Dask. Quen queria un adianto, teno no Youtube. Xa na Coruña, Carmen Rey actúa na aula de natureza do Xardín Botánico Ría do Burgo ás 21:00. No Playa, Grobas (THR) + Fat Fish (Discorder) e Intro + Drink amenizan a noite do venres por 6 €. Non lonxe, no local da Fundaçom Artábria en Esteiro (Ferrol), o venres ás 21:00 escoitaremos a bossa nova de Maite Dacosta, o folc do Clan Maragato e a Miguel Alonso.

O toque clásico témolo en Compostela, onde continúan as VI Xornadas de Órgano e o festival Via Stellae: o Auditorio acolle a Andromeda Liberata de Vivaldi, pola Venice Baroque Orchestra, o venres e aos Musiciens du Louvre, dirixidos por Minkowski, coas sinfonías londinienses de Haydn, o domingo (os dous ás 21:00 por 10 €). O sábado, o Barroco veneciano inundará o Teatro Principal tamén coa Venice Baroque Orchestra, ás 21:00 por 6 €, e ademais, Trío Compostela estará no Auditorio Carmen Estévez de Vilalba o venres ás 21:00, coa música de cámara de Mozart, e o sábado á mesma hora na Casa da Cultura de Allariz, e a guitarra de Isabel Sanmartín estará o venres ás 21:00 na Igrexa de San Tirso, en Palas de Rei. Nestes tres últimos concertos a entrada é de balde.

E pasamos á música tradicional: o XII Festival Folclórico Internacional que está a ter lugar en Vigo continúa o venres no Auditorio da A.VV. de Beade ás 21:30, co grupo de danza valenciano "El Forcat" , a asociación "Sbandieratori Ducato Caetani" de Sermoneta (Italia), o ballet senegalés "Kassuomaye" e o conxunto "Islami" de Kabardia-Balkaria, do Cáucaso Norte. Bailarán os galegos "Semente da Arte Galega", xunto coas gaitas "Arume" e as pandeireteiras "Volta do Demo" do CSCR de Beade. Se alguén o perde, o sábado estarán tamén ás 22:00 no Centro Sociocultural Caixanova e o domingo ás 21:30 en Candeán, xunto co grupo local de ska, Durgamata.

Para teatreiros e cinéfilos
Na localidade ourensá de Vilamarín Teatro do Atlántico representa A raíña da beleza de Leenane o venres á noite, e ese mesmo día, a Aula de Teatro da Universidade de Valencia aporta en Ribadeo, para representar, ás 22:30 na praza da música, El burlador de Sevilla, atribuído a Tirso de Molina, dentro do programa "Las rutas de La Barraca."

E continúa o festival Manicómicos, coa compañía coruñesa San & San presenta Bar no Fórum Metropolitano da Corruña o venres ás 21:00. No mesmo lugar estará o sábado o Cabaret Manicómicos ás 22:00 con Glu-m, creación colectiva. Mentres tanto, polas rúas de Compostela andarán Pablo Trasno e Cote coas súas acrobacias e malabares.

Máis teatro na Coruña: España Cabaret 2006, de Moncho Borrajo, comeza a súa xira no Pazo da Ópera o sábado ás 22:00 e o domingo ás 21:00. Hai entradas de 16, 19, 22 e 25 € segundo localidade. Esta semana despídese no TAL de Vigo Evita, Eva Perón, de Roberto Cordovani e Eisenhower Moreno, antes de marchar para Lisboa e Valencia. Venres e sábado ás 22:30, e última función o domingo. O prezo das entradas está entre 10 e 13 €.

E en Portugal, no XIV festival internacional de curtametraxes de Vila do Conde, terá lugar a presentación da segunda edición do certame oleirense, o Nova Factory 06 que terá lugar este ano na última fin de semana de setembro. O Fetsival remata esta semana coa enterga de premios.

Máis curtas: o Teatro Principal compostelán acolle este venres ás 21:30 a presentación d'O ladrón de bonecas, de Fernando Cortizo, unha historia ambientada na Compostela de comezos do século XX feita con plastilina.

Nosa Señora do Carmen / vai indo pola ribeira...
... collendo cuncha por cuncha / e meténdoas na faltriqueira. é un dos cultos relixiosos de maior importancia en Galiza, tendo en conta que es trata da stella maris ou protectora da xente do mar. Ao longo de toda a costa teremos festas para honrar á Patroa dos mariñeiros: Marín, Bueu, Ribeira, Boiro, Aguiño, Ribadeo, Corme...

E precisamente esta fin de semana hónrase o traballo da xente do mar e os froitos da nosa costa en varios lugares: dende a Ría de Ferrol (o polbo á mugardesa véndese a 8 € a ración de 12 a 19 horas do sábado) até a Costa da Morte (Corme entrega o Percebe de Ouro a Neira Vilas, e os cormeláns sentarán á mesa a homenaxear aos percebeiros falecidos do mellor xeito, gozando do produto da súa terra, ao longo do venres, que remata coa actuación de Fol de Veneno, Suso Bahamonde e Ernesto Campos, e a XIV Festa do Percebe do Roncudo ha durar toda a fin de semana), e chegando mesmo á Ría de Arousa: en Vilaxoán, sardiñas "revenidas", Lamatumbá, Ruxe Ruxe e Malvela, co Mago Vituco e os Terribles de Arousa ao longo do sábado. Outra sardiñada con música terémola en Foz o venres: faremos a dixestión do peixe cun concerto de Avalón no porto, o sábado ás doce. E mesmo Vigo celebra a festa do mexilón en Castrelos, este domingo. Saímos da costa e gorentamos a gastronomía de interior: a Gentalha do Pichel organiza este sábado, no seu local da rúa compostelá de Santa Clara, un novo xantar temático: agora toca pataca. E para os amantes da velocidade, as carrilanas irán sen freo por Esteiro adiante este domingo.


0/5 (0 votos)