O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, reclamou hoxe a "xestión directa sobre as infraestruturas aeroportuarias" xa que considera que é "fundamental" para o benestar dos cidadáns e para "ter un control" sobre situacións como os voos segredos da CIA, logo de coñecerse que un deles fixo escala no aeroporto vigués de Peinador. Pola súa parte, o ministro de Asuntos Exteriores e Cooperación, Miguel Angel Moratinos, reiterou hoxe a vontade do Goberno de "cooperar e investigar ao máximo" estas actividades da axencia de intelixencia estadounidense.
Anxo Quintana cualificou como un "feito grave" a presenza dun voo segredo da CIA no aeroporto vigués de Peinador e denunciou que "a administración americana cre firmemente que o mundo é da súa propiedade". O vicepresidente da Xunta, advertiulle o Goberno central de que esta situación é "unha proba de fogo" para que amose "que as palabras non quedan no vento" e que hai disposición de actuar "ao mesmo ritmo e na mesma dirección" que as palabras. Quintana cre que "é unha boa oportunidade para dicirnos todo a verdade sobre isto e agardo a que a aproveite"
Moratinos asegura que o goberno investigará os voos
Miguel Angel Moratinos, ministro de Asuntos Exteriores e Cooperación, reiterou hoxe a vontade do Goberno de "cooperar e investigar ao máximo" os presuntos voos realizados pola CIA e que fixeron escala en territorio estatal, logo de que o comunicador da comisión temporal da Eurocámara, Claudio Fava, indicara onte que un total de 125 voos operados directa ou indirectamente pola CIA fixeron escala en 10 aeroportos estatais.
"Non temos nada que ocultar, temos vontade de plena transparencia, de rigor e seriedade e ese é o xeito na que vamos a seguir traballando neste asunto", e concluíu que "é a Audiencia Nacional a que está a levar o tema".
O BNG pide a comparecencia do ministro no Congreso
Ao mesmo tempo, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Rodríguez, vén de solicitar a comparecencia do ministros na Cámara Baixa para que informe sobre este caso. Ademais desta solicitude, o deputado nacionalista tamén dirixe unha iniciativa parlamentaria a Moratinos na que lle pregunta se o Goberno estaba ao tanto da escala do voo da CIA no aeroporto vigués.
Segundo o informe presentado onte, en Vigo fixo escala un voo que chegou desde Xenebra o 31 de agosto de 2005 e que ao día seguinte partiu cara Gambia. Malia que os pasaxeiros se rexistraron como "empresarios", a Unión Europea inclúe ese voo na lista de movementos da CIA no Estado español, na súa actividade encuberta de transporte de presos ou material militar. O país africano ao que se dirixía é de feito un dos que presuntamente, acollería algún dos cárceres secretos que o goberno estadounidense despregou no extranxeiro como parte da súa estratexia "antiterrorista".