Cando o próximo 3 de xuño visite Galiza a comisaria europea de Política Rexional, Danuta Hübner, na axenda estará a necesidade estratéxica para a Eurorrexión de relanzar o proxecto de alta velocidade ferroviaria entre Galiza e Portugal. Así o asegurou este mércores o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, quen asegurou ter o compromiso do executivo luso para que, coma moi tarde a comezos de 2007, exista un estudo en detalle das características concretas e necesidades específicas de financiamento para a liña que uniría O Porto e Vigo.
O tipo de liña; o tipo de tráfico, incluída a posíbel compatibilización de transporte de pasaxeiros e mercadorías; a velocidade, cunha máxima sobre os 250 km/h; e o seu financiamento. Todos os datos deberán estar no proxecto que a finais de 2006 ou comezos de 2007 presentará o goberno portugués para esta conexión ferroviaria, coincidindo co cumio hispano-luso que se celebrará nesas datas.
O presidente da Xunta dixo confiar plenamente no compromiso adquirido nese sentido polo ministro portugués de Obras Públicas, Mario Lino, quen garantiu o "apoio inequívoco" do goberno luso a esta conexión, "debido ao carácter estratéxico que lle merece e malia ás dificultades derivadas da situación económica polas que atravesa o país veciño e pese a que nos compromisos do anterior Goberno de Portugal con España non existían nin os proxectos, nin as declaracións de impacto ambiental, nin nada en construción, o que facía tecnicamente imposible a conclusión da liña Vigo-Porto no 2009".
Así, e ademais da xuntanza coa comisaria europea na busca do posíbel apoio da UE a esta infraestrutura, Emilio Pérez Touriño anunciou unha viaxe en data próxima a Lisboa para tratar entre outros este proxecto ferroviario. Do mesmo xeito, destacou o ofrecemento de Caixanova e Caixa Galicia para paraticiparen no financiamento da obra, factor que na súa opinión "evidencia que estamos a falar dunha actuación importante e rendíbel tanto económica como socialmente".