Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
X PREMIOS MARÍA CASARES DE TEATRO

O 'Tío Vania' de Factoría Teatro gaña os María Casares

Mellor espectáculo, mellores actor e actriz, mellor directora e mellor tradución foron os cinco galardóns que levou 'Tío Vania' na gala dos X Premios de Teatro María Casares. A montaxe que dirixiu a recén nomeada directora do Centro Dramático, Cristina Domínguez, foi a gran triunfadora, mentres que a gran derrotada foi Sarabela, a compañía que dirixe súa predecesora no cargo, que só obtivo un mariacasares e medio dos dez aos que aspiraba.

- 00:39 29/03/2006
Tags:

Os recentes movementos do teatro galego dábanlle un certo morbo á loita, sempre pacífica, polos galardóns: as favoritas eran, dunha banda, 'O heroe', dirixida por Ánxeles Cuña, ex-directora do Centro Dramático, e da outra Factoría Teatro, dirixida por Cristina Domínguez, a súa sucesora. Ao final a vitoria correspondeulle á montaxe da Factoría, o 'Tío Vania' de Cheghov, esmagadoramente: o senado conformado polos 240 membros da Asociación de Actores, os premiados de anos anteriores, e un grupo de programadores e críticos teatrais compensaron demasiado inxustamente os galardóns que con xenerosidade lle repartiron a Sarabela noutras edicións.

Polo demais, os premios estiveron repartidos: das nove pezas que optaban a galardón, só dúas marcharon de baleiro. Destaca quizais o premio á mellor maquillaxe que obtivo Paloma Ucieda por 'García', de Teatro do Adro, pois era o seu primeiro traballo, ou que o texto desa mesma obra, escrito por Cándido Pazó, obtivera o premio por diante dun extraordinario debú de Manuel Rivas sobre as táboas ('O heroe').

Polo que respecta á gala, o diñeiro non dá a felicidade, pero axuda no glamur. Os María Casares parece que cos novos tempos ascenderon de división, e iso notouse nos vestidos das premiadas, na orquestra Os Satélites e tamén na presenza de nomes entre os entregadores dos galardóns: Antonio Pernas. Paco Conesa, Paco Lodeiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé Manuel Barreiro Fernández, Nani García, Serxio Pazos, Luís Tosar, Julián Hernández cantando 'O tren' de Do Barro... Tamén había novidades no palco. Andaba por el por primeira vez unha conselleira, a de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, pero tamén por primeira vez acudía o alcalde da cidade que ata o de agora acolleu a gala: neste caso o recén investido Xavier Losada.

Sen ser vertixinoso, o espectáculo de entregas e discursos foi máis áxil ca noutras ocasións, malia un guión insulso e pouco divertido que os convidados quixeron levantar con humor e esforzo. Os cortes foron rápidos e os discursos breves nun falso programa de radio dirixido, coescrito, presentado e ata cantado polo actor Lino Braxe, e onde a grande esquecida foi a televisión: a pesar de que é a única presenza anual do teatro na tele pública, as galas séguense planificando coa mente posta só no que sucede dentro do coruñés Teatro Rosalía.

O María Casares de honra concedéuselle á actriz, dramaturga e directora Dorotea Bárcena. O público púxose en pé para recompensar a longa traxectoria dunha teatreira que laborou máis na sombra ca na luz. No décimo aniversario dos premios lembrábase tamén a figura da grande actriz galega María Casares, da que se cumpre en paralelo o décimo cabodano. Un único e fermoso texto lido dela e unhas imaxes por detrás adían a merecida homenaxe á súa memoria ata dentro de quince anos.

TODOS OS PREMIOS

Maquillaxe .
Dolores Centeno, 'Seis personaxes á procura de autor' (CDG)
Paloma Ucieda, 'García' (Teatro do Adro)
Quique Martínez, 'O heroe' (Sarabela Teatro)

Vestiario.
Carlos Alonso, 'Tartufo' (Teatro de Ningures)
Carlos Alonso, 'Tío Vania' (Factoría Teatro)
Ruth Díaz, 'O heroe', (Sarabela Teatro)

Iluminación.
Baltasar Patiño, 'Historia Natural' (Matarile Teatro)
Paco D´Pink, 'Tio Vania' (Factoría Teatro)
Suso Díaz, 'O heroe', (Sarabela Teatro)

Musica orixinal.
Ugia Pedreira, 'Tio Vania' (Factoría Teatro)
Renata Codda Fons, 'O heroe', (Sarabela Teatro)
Antón Pulido e Cuarteto Caramuxo, 'Vento Mareiro', (Avelino González e Cuarteto Caramuxo)

Adaptación ou tradución.
Alexandra Koss, 'Tío Vania' (Factoría Teatro)
Avelino González, 'Vento Mareiro', (Avelino González e Cuarteto Caramuxo)
Xosé Manuel Pazos, 'Tartufo' (Teatro de Ningures)

Texto orixinal.
Ana Vallés, 'Historia Natural' (Matarile Teatro)
Cándido Pazó, 'García' (Teatro do Adro)
Manuel Rivas, 'O heroe' (Sarabela Teatro)

Escenografía.
Baltasar Patiño, 'Historia Natural' (Matarile Teatro)
La faust und volk, 'O heroe' (Sarabela Teatro)
Marta Pazos, 'So. Sobre' (Sapristi)

Actor protagonista.
Fernando Dacosta, 'O heroe' (Sarabela Teatro)
Xosé Olveira "Pico", 'Ricardo III' (Centro Dramático Galego)
Xan Cejudo, 'Tio Vania' (Factoría Teatro)

Actor secundario.
José A. Porto "Josito", 'O heroe' (Sarabela Teatro)
Juse García, 'Seis personaxes á procura de autor' (CDG)
Roberto Leal, 'Tío Vania' (Factoría Teatro)

Actriz protagonista.
Anabel Gago, 'Tío Vania' (Factoría Teatro)
Rocío G. Lorenzo, 'Tío Vania' (Factoría Teatro)
Sonia Rúa, 'Tartufo' (Teatro de Ningures)

Actriz secundaria.
Marián Bañobre, 'Tartufo' (Teatro de Ningures)
Rebeca Montero, 'Seis personaxes á procura de autor' (CDG)
Elena Seijo, 'O heroe' (Sarabela Teatro)

Dirección.
Ana Vallés, 'Historia Natural' (Matarile Teatro)
Ánxeles Cuña, 'O heroe' (Sarabela Teatro)
Cristina Domínguez, 'Tío Vania' (Factoría Teatro)
Dapena

Espectáculo.
'García', de Teatro do Adro
'Historia Natural', de Matarile Teatro
'Tio Vania', de Factoría Teatro


0/5 (0 votos)