Pouco máis dun ano despois de protagonizar a crise máis grave do PPdeG na súa historia recente e botarlle un pulso ao propio Fraga, o presidente do PP ourensán, Xosé Luís Baltar, púxolle discurso oficial á súa viraxe cara ao acubillo do liderado de Alberto Núñez Feijoo no partido. "O PP de Ourense vai axudar a construír os retos que nos propoñemos", prometeulle a Feijoo deste a tribuna de oradores, "detrás de vós está o mellor de Galiza".
Baltar dixo estar seguro de que este congreso "rematou con ese tópico vello e mentira das boinas e os birretes" e destacou que o PPdeG sae desta cita "máis unido, seguro e renovado". Asegurándolle a Alberte Núñez Feijoo "o noso apoio incondicional, sen esixencias nin contrapartidas", prometeu "traballar sen descando por Galiza e polo PP", logo de explicar que no seu momento xa lle prometera o seu apoio a Feijoo en canto "quedase liberado do compromiso persoal que me unía a Cuíña". Baltar comentou que o desafío "histórico de relevar a Manuel Fraga, que semellaba case imposíbel, rematou sendo o máis normal do escenario político español".
Barreiro subliña a unidade
"O proxecto político de Manuel Fraga está por riba de personalismos", afirmou Xosé Manuel Barreiro, na súa condición de presidente provincial do PP lugués. O novo vicepresidente do PPdeG que o equipo de Núñez Feijoo no que el mesmo decidiu integrarse "recolle e garante o sincero compromiso con Galiza de Fraga". Barreiro criticou que houbese momentos "onde había quen non daba un peso pola continuidade do partido e agoiraba que o PPdeG ía rachar".
Louzán di que "é o día de recuperar a ilusión"
"Seguiremos loitando", animou aos compromisarios Rafael Louzán, presidente do PP pontevedrés. Louzán dixo que o PPdeG "deu unha lección con este proceso liderado por Núñez Feijoo" e subliñou que o PP "é o partido maioritario, diante dun estrano goberno bis, un desgoberno bipartito cheo de problemas entre eles".