O Consello de Seguridade de Nacións Unidas aprobou a pasada semana a liquidación técnica da misión da ONU en Angola (MONUA) tal e como recomendara o secretario xeral, Kofi Annan.
Nunha resolución adoptada por unanimidade, o Consello de Seguridade reiterou que a situación que está atravesando nestes momentos o país africano débese principalmente ó incumprimento por parte da UNITA das súas obrigas durante o proceso de paz. O Consello anunciou que, a pesar de que o mandato da MONUA expirou o pasado 26 de febreiro, as súas forzas seguirán gozando do mesmo status ata a súa total evacuación. Sen embargo, o continxente de dereitos humanos da MONUA seguirá as súas actividades ordinarias durante o período de liquidación da misión. Paradoxalmente, Kofi Annan anunciaba ó mesmo tempo que a ONU non abandonará ó pobo angolano e que está preparada para continuar coas súas actividades humanitarias e de desenvolvemento, asi como coa protección dos dereitos humanos.