O operador galego de telecomunicacións por cabo, R, ten luz verde do alcalde de de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, para despregar na cidade a rede de fibra óptica. Así o manifestou o rexedor compostelano nunha reunión mantida onte co presidente da empresa, Honorato López Isla, e o seu director xeral, Arturo Dopico.
R ten previsto chegar a 40.000 fogares e empresas da capital galega nun prazo de pouco máis de tres anos, para o que destinará preto de 3.000 millóns de pesetas. Este soporte permite transmitir telefonía, vídeo e datos a través dun único cabo, que permite unha velocidade moi superior ca con outros medios.
No encontro celebrado onte, o alcalde manifestou o seu interese por impulsar o bo ritmo das obras, co obxectivo de que os santiagueses se beneficien o antes posible das ventaxes que comportan as comunicacións por fibra óptica.