Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

O folc galego ponse as medallas fóra do país

“Eu chegaba e dicía que era profesora desas cousas e que quería ensinarlle aos nenos como facían eles. Todo tratando de non molestar, con moito respeto. Eles dicían que o deles non valía para nada, eu insistía un pouco...” Mercedes Peón conta así das súas aventuras polas reviravoltas galegas escolmando músicas a piques de perderse. Labores como a dela foron reducindo esa frouxa querencia polo propio. Nesa fráxil recuperación da autoestima musical axudou tamén o triunfo dos sons galaicos en países con máis costume de acoller músicas tradicionais. O recoñecemento fóra das nosas fronteiras empurrou moitas veces a poñer os ollos con interese no que antes colleitaba indiferencia.

- 09:59 21/10/2002
Tags:

"Gran voz, forte personalidade, enerxética presencia no escenario...con influencias rock e reggae, do mellor e máis fresco dos novos tradicionalistas galegos", así definían na radio inglesa a Mercedes Peón. A atención á galega viña con motivo da súa nominación nos prestixiosos premios de música étnica da emisora Radio 3 da BBC. Así, na categoría de mellor artista europea, e logo do éxito do seu disco ‘Isué’, competía polo galardón con Radio Tarifa, Taraf de Haidouks e Manu Chao, co que ela mesma tiña colaborado xa na etapa de Mano Negra.

Milladoiro, a primeira embaixada musical galega Pero vaiamos ao principio. Os precursores do vagabundeo por Europa foron os Milladoiro. Era comezos dos 80 e pouco había que se estrearan no auditorio dos Salesianos, na Coruña. A proposta musical dos Seoane-Romaní-Ferreirós e compañía, cumpría cita obrigada no Festival do Mundo Celta en Ortigueira e viaxaba ata os xa míticos festivais de Lorient, en Francia, e Edimburgo, en Escocia. Eran os comezos do 80, e a BBC reparaba no grupo para incluír a súa música na serie televisiva Os celtas divírtense.

As referencias irlandesas e escocesas non eran alleas ao concepto de Milladoiro, xa dende o comezo. No 84 marchaban a Dublín para gravar Solfafría, coa colaboración de Paddy Moloney nun dos temas. Co tamén irlandés Liam O’Flyn gravarían outra peza deste disco, ‘Teño un amor na montaña’, dez anos despois. Referencias por certo ás veces pouco ben recibidas, ou entendidas, na parroquia local, que en tempos de reivindicación da música tradicional galega, non sempre estivo, nin está, ben disoposta a abrirlle os brazos á experimentación con sons doutras latitudes.

‘A metade do ceo’ gañouna Milladoiro coa película do mesmo título, de Manuel Gutiérrez Aragón, o ano 1986, cando recibía o Goya o filme para o que un ano antes compuxeran a banda sonora.

Fenómeno socio-cultural decisivo na Galicia dos 80, Milladoiro facía neses anos embaixada galega por Europa adiante. Serían xa os 90 cando a National Association of Independent Record Distribution do estado de Texas, nos USA, premia o ‘Castellum Honesti’ coma mellor disco do folc internacional. Un éxito estadounidense que se incrementaría do 2000 para adiante. Xapón recibeos varias veces e triunfan no festival Celta!! nipón. En 1995, a maior cidade galega do mundo, Bos Aires, acolle no Teatro Nacional Cervantes un concerto que será parte de ‘As fadas de estrano nome’. Na faltriqueira destes músicos: ‘A Farruquiña’, na escolma do 20 aniversario da discográfica Green Linnet; as colaboracións co saxofonista Paul Winter en Nova York; coa Orquesta da RTV Eireana; ‘Invernía’, no disco Celtic Legacy; o ‘Maneo do Ulla’ e a ‘Foliada de Padreada’, na escolma My Gentle harp; a súa versión da ‘Muiñeira de Chantada’ noutra escolma do selo USA Green Linet; colaboracións con Bill Wheelan, cos Chieftains,….

O boom Núñez

Punto imprescindible é o fenómeno Carlos Núñez, co que abríamos esta reportaxe. ‘Adoptado’ polos Chieftains cando aínda era un adolescente, viaxaría con eles por todo o mundo gatillando altas velocidades na gaita, e predicándolles aos vellos irlandeses o vencello galego irlandés, no que os sabios ‘xefes’ do folque da illa souberon afondar en sucesivos álbumes. No momento xusto, coas habilidades precisas, e moito entusiasmo, o vigués une ao seu talento musical unha innegable capacidade de ‘showmann’ da causa ‘celta’. As circunstancias desta relación, a dimensión internacional que acada en moi puco tempo, a vitalidade da súa entrega,... unha chea de pequenas cousas que o converterán na referencia agardada para darlle un empurrón á música tradicional.

Decisiva na súa formación, o buligar cos Chieftains polo mundo adiante dende tan novo, de Irlanda a Australia, pasando por Xapón, Cuba os Estados Unidos, o Núñez rillou escenarios privilexiados e coñeceu a músicos para todos os gustos: Ry Cooder, La Vieja Trova Santiaguera, Sinead O’Connor,... Xa non pararía o gaiteiro vigués nesas inquedanzas viaxeiras. Para Os amores libres, furou notas por todo o planeta, de Europa a América e mesmo África, reflexionado tradicións e vencellos con raigame na historia. Case un cento de músicos colaborando para o disco....

Ä sombra desa repercusión mediática, na inercia xerada polo trebón CarlosNúñez, terían bo acubillo outras propostas da nosa música. A convicción de que a música galega podía abrir fronteiras, facer vendas insospeitadas, crear mercado, acadar trascendencia na prensa, saír dos espacios reducidos e semiprofesionais. Nunca foi ese convencemento tan forte coma cando brincou ao panorama musical Carlos Núñez. Malia todo, aínda houbo quen tiña queixa, puristas e opositores a calquera asomo de ‘estrela’ apuntaron que á tradición pouco ben lle facían os atrevementos Núñez polos pentagramas. Fóra da furna das esixencias, un mozo de vintepico anos poñía Galicia nos titulares e animaba os petos discográficos a investigar a ver o que había por ese mundiño a aproveitar.

“É sorprendente que pouca xente coñeza que vos tedes tamén aquí unha gaita, a ‘Dudelsack’”, dicíalle hai uns anos a un xornalista alemán. “Pero é significativo, e se tento descubrir conexións con outros países, seguro que tamén podo atopalas con Alemaña, ou Noruega ou co Norte de Europa en xeral”. E de Europa a Cuba, aló coñeceu o Carliños ao probable gaiteiro máis vello do mundo, home centenario que xa non podía soprar o fol. Así, mentres el poñía os pulmòns, o vello tocoulle un golpe de melodías. Mesmo a conexión flamenca tivo sitio entre as inquedanzas experimentadas, “España é o sur, é Marrocos... nós somos do norte”, ironiza, pero fala con paixón do uso de “armonías e ritmos do sur, algo novo e moi enerxético”, nas melodías de máis ao norte.

Folc-jazz con enerxía
“Combinado de tradición co espírito da experimentación que define as artes contemporáneas...” Os medios alemáns xa dicían o que por aquí só intuían os máis afeccionados: Berrogüetto é un grupo crucial na escena folc. O esgazamento menos coñecido de Matto Congrio, o outro pé era Carlos Núñez, deulle un chimpo á súa proxección en Galicia logo que os teutóns lles colocasen as medallas.

Alemaña recoñeceu a súa forza nos escenarios e a calidade dos seus discos co Premio da Crítica e o Premio Europeo da Música Folc. Estudiosos, críticos e afeccionados coincidían no seu gosto polos ritmos de Berrogüetto, “dixéronnos que escoitaban algo que saía do corazón e que lles chegaba dentro”.

O seu último traballo, Hepta, brincou directo na lista europea de músicas do mundo máis prestixiosa, a World Music Charts Europe. No primeiro mes, Berrogüetto xa facía o número 15 dun top de 160 grupos. O mesmo disco quedábase ás portas do Grammy Latino 2002 ao mellor álbume folc na terceira edición destes galardóns. Esa mesma semana, os vigueses recibían outra vez o Premio da Crítica alemana. E a conquista das américas é só cuestión de tempo, se o primeiro pé foi a nominación Grammy, o segundo será unha próxima xira de presentación polo continente.

Os xornalistas de máis ao norte reparan curiosos no nome da formación. Cal é o guetto ese de onde vén o Berro, “un berro para Galicia”, apuntan. Quítanlle ferro de paso á columna celta, hai máis onde rabuñar, “a influencia doutras culturas foi moi importante, aí está o camiño de Santiago, popular en Europa, por onde chegaron ata nós outros ritmos típicos, temos valses, polkas, incluso de América brincaron achegas que viñan coa emigración, coma o tango. É toda unha influencia cultural e natural.” O éxito crecente do folc? Cousa global, “Non hai misterio, As audiencias buscan algo novo, non necesariamente nova música, senón novas formas de facer música. A xente busca voltar ás raíces, e é a primeira vez que Galicia está en disposición de respostar a ese devezo”.

Tubular na Lubre

Tivo que botar moza cascarilleira o supervendas Mike Oldfield para dar con Luar na Lubre no cabouco folquie coruñés. Velaí o padriño que lle deu trascendencia internacional a un veterano grupo de músicos. Pasado xa o seu quince aniversario, a banda de Bieto Rubido colleitou un par de discos de ouro, e varios premios en territorio español e tocou en escenarios de toda Europa. Bélxica, Holanda, Portugal, Alemania,... recibiron o tour dos afillados ‘tubulares’, respondendo ben á proposta solidamente individualizada dun grupo, con raiz firme no sentimento galego, pero buscando sen complexos as influencias de fóra. Os grandes escenarios xa lles van pequenos. Dúas imaxes: Rosa Cedrón, poñendo a voz e o chelo no espectáculo ‘Tubular Bells (e van III) que deu o padriño en Londres. Outra estampa: o macroconcerto máis ‘macro’ que se teña visto por terras galegas, a praia de Santa Cristina en Oleiros, aos topes, para ver ao grupo local e máis a fusión folc-popeira das irmáns irlandesas ‘The Corrs’, proposta tipo, por certo, inexplorada pola nosa terra.

Os que van

A repercusión internacional das propostas musicais galegas non remata aquí. Os anteriores son os casos máis coñecidos, pero non os únicos.

No 2001, logo de tanta peregrinaxe galaica a terras francesas, o Festival Intercéltico de Lorient adicou a Galicia a súa edición dese verán, a número 31 dende a súa creación. Invitados de honor, Luar na Lubre, Xosé Manuel Budiño, Xacarandaina,... compartindo protagonismo con preto de 4.500 músicos chegados de todas as xeografías: escoceses, bretóns, irlandeses, asturianos, galeses,... Unha raiola de recoñecemento á nosa música á que puideron atender o medio millón de visitantes que pasaron fronte aos escenarios de Lorient.

E Mentres no país se debate a alquimia, estética ou profesional, que peneire nunha identidade exportable, hai músicos que directamente probaron a mel do recoñecemento alén das nosas fronteiras .

‘Como corre o tempo’, velaí unha evidencia para a traxectoria musical dun grupo de músicos que bogou os 90 con Xosé Manuel Budiño e rematou gravando disco propio á outra beira do Atlántico. ‘Como corre o tempo’, disco esgotado, con edición restrinxida no Canadá.

Xa que logo, nesa onda de colgárense medallas fóra antes que na propia terra tiveron que peregrinar os músicos de Laio. E Canadá foi para esta banda pontevedresa a terra prometida onde acadar o éxito que lles dese un empurrón do que se fixesen eco os medios galaicos. Con dous veráns seguidos por aquelas terras e outra xira arranxada para o 2003, fixeron brincar ao público por festivais coma o de Vancouver ou Calgary colleitando boas críticas para a súa fusión de tradición con ritmos electrónicos, ao que por aló cualificaron de “fermosa mistura de culturas”.

Logo desa experiencia pola diáspora, compartindo escenario con grupos e artistas consagrados, como La Bottine Souriante ou Billy Bragg, virían as credenciais para o primeiro disco en Galicia, Luneda, nome tamén da aldea do Deza de onde é veciña a señora Concha, que pon voces no disco, xunto a gaiteiros ou percusións cubanas, ecléctica proposta “chea de vivencias persoais traballadas globalmente” e sen medo a atrevementos máis aló do tradicional, porque “somos víctimas do século XXI”.

Susana Seivane, a que foi bautizada sex symbol do novo folc, filla de tradición gaiteira. Virtuosa e fotoxénica, ilustrou unha reportaxe da revista británica Folk Roots. “o que está a ocorrer é unha consolidación de músicos que levan moito tempo traballando. Grupos de folk sempre están aparecendo nos escenarios, pero agora son máis coñecidos". Ela mesma, pisando os primeiros escenarios serios con Milladoiro, pronto comezou a buligar fóra das fronteiras. O vello festival Dranouter en Bélxica, foi exemplo dunha exitosa xira de verán por Europa. Dalí a pouco xa estaba fichando polo selo americano Green Linnet, que lanza agora o seu disco no Canadá e nos Estados Unidos.

Diversidade de estilos e xeitosa peneira de tradición e modernidade tamén é a dos Fía na Roca. Asiduos de compilacións folquies internacionais e escollidos pola BBC como banda sonora dun programa especial sobre Galicia no último ano Xacobeo.

E para rematar, xa que comezamos cunha cita de Mercedes Peón, botámoslle outra da mesma colleita, recollida da entrevista que lle facía Vieiros París hai xa algún tempo: “París, desde a man dos galegos que coñecín aquí, pareceume unha cidade marabillosa. Chamoume moito a atención a mestura, a mestizaxe da xente. Pensei que sería moito máis agresiva, a cidade, pero non a vin así, sei que nas aforas é distinto. E, atoparme unha xente galega tan interesante, cunhas miras tan abertas ao mundo... é curioso que estas cousas se teñan que ver fóra. Isto pasoume tamén en Sudamérica. Non sei que ten Galiza que é como que nos afoga”.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: