Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DO ESCASO AVANCE DA PRODUCIÓN AGRARIA ALTERNATIVA

Galiza recupera tempo cara a oportunidade do agro ecolóxico

Segundo o último indicador dispoñíbel, ano 2005, apenas 5.895 hectáreas accederan en Galiza á cualificación de "superficie de agricultura ecolóxica", o que pon ao país case como pechacancelas a nivel estatal, con só o 1.1% do total. Porén, o incremento de actividade no sector nos últimos tempos, preto de duplicarse entre 2004 e 2005, agoira un cambio de tendencia e a aposta cada vez maior de consumidores e labregos polo modelo de produción ecolóxica.

Roberto Noguerol - 07:00 06/06/2006
Tags:

Coincidindo co Día Mundial da Loita Labrega, o pasado 17 de abril, falámoslles xa das crecentes voces a prol "doutro agro posíbel" que trae a primeiro plano das reivindicacións para as reformas agrarias a necesidade de impulsar modelos de agricultura sustentábeis. O asunto foi protagonista durante a pasada semana coa celebración do primeiro Congreso de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica en Galiza, que acolleu o campus lugués da Universidade de Santiago. Os organizadores destacaban a convocatoria como unha oportunidade para o debate de iniciativas nos ámbitos da investigación, produción e comercialización no ámbito da agricultura ecolóxica. O éxito de participación é exemplo do interés polo desenvolvemento do sector.

As cifras: 1.25% do total do Estado
A superficie total inscrita no rexistro de agricultura ecolóxica acada en Galiza 9156 hectáreas, malia que 2.019 ha. están no que se considera o primeiro ano de prácticas, antes de recibir a certificación definitiva, e 1.241 ha. no proceso cualificado "de conversión", sendo así que o total real está agora mesmo en 5895. Un ano antes eran só 3834 hectáreas.

No conxunto do Estado un total de 807 mil hectáreas están destinadas ao agro ecolóxico en 2005, cun espectacular incremento en anos recentes, sendo que quitada a superficie en conversión e primeiro ano, o total chega aos 407 mil ha. Andalucía e Aragón levan o liderado no sector da produción ecolóxica, con 139 mil e 68 hectáreas respectivamente. No caso andaluz, suma a metade da superficie ecolóxica de todo o Estado. E do resto destacan especialmente Castela-A Mancha, Cataluña e Estremadura, con 49, 47 e 46 mil hectáreas en cada un dos casos.

Maior avance na comercialización
Da irregular situación da agricultura ecolóxica no noso país dan conta outros detalles do balanzo deste negocio, coma é a estatística de elaboradores e comercializadores. Así, e se ben o número de produtores no sector avanzou lentamente, no que lle toca á comercialización si se amosou un significativo incremento en anos recentes, contándose na actualidade un total de 55 operadores inscritos no mercado para a elaboración e venda de produtos procedentes do agro ecolóxico.

A nivel estatal destácase neste apartado o caso de Cataluña, onde existe unha elevada demanda de produtos ecolóxicos. Ademais da elevada porcentaxe de superficie inscrita no rexistro e dun significativo número de labregos adicados ao negocio, a comunidade catalá xunta o maior número de persoas adicadas aos produtos elaborados saídos da agroecoloxía e á súa venda. Ao tempo, mesmo existe un importante número de operadores adicados á importación deste tipo de alimentos.

Industria case inexistente
O rexistro de actividades industriais vencelladas á producción ecolóxica amosa pobres resultados en Galiza, que só supera no total de empresas no mercado a Asturias e Cantabria, onde o negocio tamén avanza a modiño, e supón apenas o 2.7% do negocio da industria ecolóxica do conxunto do Estado. Oito negocios vencellados á panadería ecolóxica son o sector máis activo na nosa comunidade, onde se destaca tamén a manipulación e envasado de produtos da horta e abrollan as adegas adicadas ao viño ecolóxico. O total: 36 negocios, lonxe dos 331 de Cataluña ou os 290 de Andalucía.

As cifras respecto á media estatal son mellores se consideramos as industrias vencelladas á produción animal, onde 19 empresas aparecen no rexistro de actividade ecolóxica: seis matadoiros e salas de despece, seis no sector leiteiro, tres produtoras de óvos e catro á elaboración de mel.

Que cultivos?
Do total de superficie inscrita, o pasto, pradería e forraxe acumulan o maior número de hectáreas, un total de 7.606, seguida de bosque e recolección silvestre, que xuntan 915 hectáreas. O resto súmano as froitas, 300 hectáreas, e os cereais e leguminosas, 166 hectáreas. Ademais, aparecen 45 hectáreas de cultivos de hortalizas e tubérculos e 26 de prantas aromáticas e menciñeiras, e 34 hectáreas de viñas.

Doutra banda están as explotacións gandeiras ecolóxicas, das que Galiza suma 27, a maioría de vacas, 65 de carne e 17 de leite; 7 de ovellas, 3 de cabras, ningunha de porcos e 17 de aves, 3 de carne e 14 de óvos. Ademais, cóntanse 17 explotacións de apicultura consideradas ecolóxicas. Neste último eido do mel, así como no da avicultura e óvos ecolóxicos, son os únicos onde Galiza se destaca sobre a maioría de comunidades, sendo significativo. Tamén respecto ás explotacións de gando vacún para a produción leiteira, non así no caso da carne, onde están apostando máis Andalucía, Cataluña e Estremadura.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: