Da Venecia do sur á Venecia do norte. Bruxas: as súas noites, os canais en penumbra, as súas mil pontes, a Basílica da Santa Sangue e as flores na Praza Maior. Bruxas para enmeigar, para enfeitizar, xusto agora que a primavera abrolla. Colle a túa lingua, colle unha gamela e lévame até alí, ás noites flamencas, ao Flandres renacentista e barroco. Flandres, o lugar que na tradición occitana separaba a Guillem da súa namorada, Flamenca. Cunqueiro haos xuntar de volta no seu poema de Herba aquí ou acolá por medio do soño, no libro que leva décadas sendo fonte ineludíbel para quen faga por ver se son como dicían os poetas a lúa, o lume, os espellos.
Alguén que vén coa noite a preguntarme
por ti, e ensinarme quere a túa torre
que eu soamente maxinei e nunca vin
e que te pecha, oh Flamenca de meu!
acolá lonxe, mais aló dos montes.
(...)
E eu dígoche que en vez do meu o teu corazón tomo.
Flamenca, como cortesa,
vaise co fino amor sob o arco-da-vella,
e déixamos pra mañán a carne e o que é dela.
Cando esperto e sallo ao mundo,
a xente dime qué me pasa, que teño outra sorrisa.
¡O teu bico, Flamenca, que florece!