Volver a vieiros

Onde sempre é bosque

O desexo de Weasel

-Ti cres que el sobreviviu? –di Canon, sentando nunha pedra. Se puidese, había botar sude por toda a pel. Canon non suaba coa calor. Parece melancólico, só parece iso, todo o tempo. A pedra onde sentou esmaga parte dunha chapa enferruxada metálica branca, de forma rectangular, cos caracteres en relevo, desfigurados polo óxido, d vesa da r g ra e un pequeno ideograma á dereita que indicou a realización de obras. El e Pam chegaron ás catro corenta e nove. A calor arde sobre as pedras. O horizonte esténdese azul e largo aos catro puntos. Vista xiratoria. Canon calcula doce quilómetros cadrados estrados con láminas de rocha metamórfica. Miles delas foran escachando baixo os pés enormes dos kawahl 2.2. Hai unha bosta de kawahl aínda fresca. Volverán de noite. A superficie regular abrasada no medio das pedras da canteira antiga correspondeu, pensa, a unha instalación de paneis solares. Queda unha xeometría cadrada de restos de plástico. Quiñentos metros. Pam púxose de pé.

-Non. Non sei que facemos aquí. Non entendo o que dicía.

Canon levantouse ao seu carón. Había vento quente que levaba nubes gordas e escuras, borralla mesturada con auga. Pam dixo.

-Cóntame como eran as follas.

Canon transmitiulle a imaxe panorámica dun bosque de pradairos, en Canadá, no comezo do XXI. Pagou os dereitos, dous céntimos, aos descendentes dun nome rexistrado en Europa N. O nome dun fotógrafo aéreo. Era unha fotografía dourada.

-Non, non me mandes imaxes. Cóntamo: as follas secas.

No pé da montaña había unha pequena touza de rebolos asfixiados pola carriza. Pam levara o zoom alí e distinguira as eirugas negras comendo as follas igual ca os vermes nerviosos no corpo dun can. De cor negra.

-Fállame a memoria, Canon.

-A todos lles gusta o deseño da túa voz. A Weasel tamén lle gustaba, creo. Pero non cho dixo.

-Hai interferencias. Creo que foi do ataque na casa de Weasel. Non pode sobrevivir, é improbable; o espectro desa EM prodúcelles tumores linfáticos. Cóntame as follas. Ti podes acceder a iso.

Canon anicouse, cravou os dedos na terra seca e remexeu. A terra meteuse entre as unllas. Canon mirou as unllas.

-As follas secas eran marróns. Cando collías unha coa man e apretabas, desfacíase. Facían ruído e rompían, coma un papel conxelado en nitróxeno líquido. Podía quedar poeira marrón entre as mans. O esqueleto da folla resistía mellor a presión e soía permanecer enteiro, aínda que se dobrase.

-Quen comía follas secas? –preguntou Pam, aínda no horizonte, examinando os vermes negros. Ou eirugas. Pam non podía sabelo. Os vermes ou eirugas aliméntanse de follas verdes, o seu ciclo vital empeza e remata en xuño. A touza minúscula, desde lonxe, parecía unha mancha inmóbil, verde e negra.

-Marchamos, Pam. Non temos equipo para captar o que dicía Weasel. Precisaríamos un ecualizador. Son rastros demasiado sutís. Supoñendo que existan.

Pam anicouse, imitou o xesto de Canon, escarvando na terra. E mirou tamén as unllas. A Canon gustáballe contestar ao final. Aprendérao na casa do seu primeiro dono, parecíalle un comportamento moi humano, contestar despois dunha frase que non tiña que ver coa pregunta do inicio. O primeiro dono vendeuno cando se autorizou a comercialización de rapaces. Véndense mellor os rapaces ca os adultos.

-Eran devoradas polos insectos e por microorganismos do solo. Ese proceso era natural.

-Non o entendo. Non podemos entendelo, Canon.

Canon procesou a última vez que mirara a Weasel dentro dos ollos. Weasel ollaba así. Semellaba preocupado. Como se intuíse a magnitude do ataque que ía sufrir unhas horas despois. Analizou o seu rostro e percibiu que a parte interior das cellas, a que está máis cerca do nariz, curvaba lixeiramente cara a abaixo. A preocupación era iso. De todas as maneiras, el desaparecera no soto, co anano. Nunca o chamaba polo nome, ao anano. Antes de desaparecer na escaleira escura que pechara con ruído hermético díxollo. Tratábase dun formulismo, xulgou Canon, unha maneira de despedirse. De madrugada explicáralles aos dous no vello ecrá bidimensional a función de onda asociada a tres árbores. Repetiu en catro ocasións, con certa ansiedade, que só podían quedar fragmentos nas montañas do leste. Preguntáronlle a que se refería exactamente con “montañas do leste”. Canon imitou os ollos fixos de Weasel. A Pam estrañoulle.

-Algúns humanos utilizan metáforas. A duplicación da realidade mediante símbolos inexactos pode provocar que esquezan a fonte orixinal. Se cadra Weasel só falaba da respiración. Non o sei.

Pam tardaba en comprender aquilo. Comezou a chover dun xeito discontinuo, caían gotas moi grosas, petaban. Comezou a estender lentamente a man. Unha das gotas caíulle na punta dos dedos. Foi incapaz de determinar se as gotas estaban sucias ou se a auga disolvera as partículas de terra que permanecían neles. Frotounos. O fluído converteuse nunha pasta gris.

Foto de Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura na Terra Chá. Publicou catro obras coas que se posicionou como unha das voces máis fortes da poesía actual: Arianrod (1993); Fruto do Teixo (1994); Afasia (1997); e A vella peneira a noite (2001). Tamén ten participado noutras obras colectivas asinadas por Ronseltz: Unicornio de cenoiras que cabalgas os sábados (1994) e con Redes Escarlata, grupo do que forma parte actualmente. Son habituais colaboracións literarias súas en revistas como A Trabe de Ouro.

Galería

Devesas Caurel Devesas Caurel Devesas Caurel Devesas Caurel Cenital SIGPAC

Localización

Mapa de localizacións

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:




Este espazo esta patrocinado por:
Consellaria de Cultura e Deporte Consellaria do Medio rural