Volver a vieiros

Onde sempre é Bosque

Eu son home de mar

...porque se ten que ser así, que sexa e acabouse. Se teño que vivir de vello nunha aldea do interior, moi bonita de montes e agros, moi florecida na primavera, non o nego, nin nego os paxariños, nin as bolboretas, e máis ben digo que este lugar onde vive miña irmá é un paraíso. Todo é certo, pero o mar...

 

Eu nacín en Ares, e mira ti, desde cativo xa botei a rede de cerco. Pero un día, con só trece anos, marchei a Cuba con meu tío Samuel, que viñera dar unha volta. Asentei na Habana Vella e enroleime nun viveiro, eses barcos de vela que tiñan un estanque no medio e o peixe chegaba vivo porque a auga do mar entraba e saía por uns furados.

 

Andei pescando cherna e pargo alá polas augas de Iacatán e da Florida, e paseinas cabronas, gañando primeiro media parte e pasado un tempo xa era un mariñeiro coma todos, aturando os abusos dos armadores, e aturando os ciclóns que aparecían cada tanto e viñamos todos na cuberta, a todo dar, sobre montañas de auga, amarrados ós paus e tendo a man as machetas de abordaxe por se había que derrubar o velame.

 

Pero tamén tomei parte nas festas mariñeiras de Casablanca e de Regla, e na illa mexicana de Mujeres, onde nos querían moito. E fun un dos cento vinte aqueles que en 1937, tras pescar en augas non debidas, é dicir, onde os armadores dispoñían, fomos detidos cos 17 barcos e leváronnos a Progreso e alí estivemos tres meses, porque o peixe podrecera e non queriamos perder as semanas de marea, pero os donos dos viveiros arre que non, ata que tiveron que afuciñar e voltamos á Habana, triunfantes, e en todo momento apoiados polos iuacatecos e por Lázaro Cárenas. Eran, como cho conto, tempos de loita e de aventura fodida e ó mesmo tempo bonita para quen lle guste o mar.

 

Podería contarche... de Lourenzo, analfabeto que coñecía o Golfo metro a metro e déronlle o diploma de patrón; de Otero, que foi xuíz popular cando chegou a Revolución do ano 59; de Desiderio, de Pontedeume, que era boxeador e gañoulle a un capitán da Marina e uns soldadiños queríano mallar por ter vencido ó seu xefe; de Rosendo, o mariñeiro que levaba cans e gatos no barco e xulgábaos cando se portaban mal e disparáballes un tiro ou guindábaos ó mar.

 

Tantas cousas... Folgas, ciclóns, naufraxios. Pero o compañeirismo era total. Todos para todos. Un día xubileime, vivía só, púxenme mal, e miña irmá arre con que viñese, e aquí estou. Contento á beira dela, pero fáltame o mar. Un día leváronme a Noia, e vino pero sóubome a pouco. Terei que afacerme ós piñeiros, ás leiras...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Xosé Neira Vilas

Xosé Neira Vilas

1928, Gres (Vila de Cruces) Narrador, poeta, ensaísta. É o autor do libro máis lido da historia da literatura galega é tamén un dos narradores que mellor se aproximaron a temas de noso como a dureza da vida no campo e o desarraigamento da emigración. Exiliouse en Bos Aires e A Habana, onde desenvolveu un extraordinario labor a prol da cultura galega e da memoria histórica. Máis en Praza das Letras e Fundación Neira Vilas.


Localización


Galería

Porto de Ares / Imaxe: Concello de Ares (Xesus Taboada) Pesca na Habana / Flickr Gnapse (http://www.flickr.com/photos/gnapse/) Na Habana / Flickr RudiHeim (http://www.flickr.com/photos/rudiheim/) Can a pé do mar na Habana / Flickr: Andreadek (http://www.flickr.com/photos/pontodeak/)

Xunta de Galicia. Consellería de pesca e asuntos marítimos.