Percebiño era moi amigo da Ameixola. Coñecíanse dende cativos, malia que arestora era a chirla quen tiña que se impulsar até o con para baduar cun cirrípede que logo de ser larva volvéraselle algo peduncular. Porén sentíanse tan ben xuntiños que un día chegaron a se degoirar.
Aquela mañá a crica abriuse de valvas e botou a súa ardorosa lingua cara ao percebe. E o meirande órgano masculino do reino animal foi até ela e fixo daquela cuncha o seu templo, da calor do ventre da ameixa o seu solaz.
Moito rexoubaron daquela os arneiróns da contorna, pero como o amor non che entende de razas, credos ou posicións eles seguíronse amando, baixo as escumas brancas do proceloso mar.