O tic tac do teu corazón é para min muda testemuña. Tan só vexo a carne que me vai a alimentar nesta silandeira noite de voraz fame. Tan só sinto o reverencial saúdo da túa pel a miña chegada. Seica estás rendida aos pés do meu faro aceso, húmida coma a orela dunha praia de pegadas diluídas.
Teño tempo- penso- e deito mentiras co desexo de que as leve o vento; pero non marchan, non, quedan atrapadas nas redes tecidas nas túas meniñas.
Estás cega- penso- e enrólome no teu ventre antes de comezar o festín, no derradeiro intento de atopar un bo sentimento que me xustifique; pero non son quen de facelo.
Son preso do meu carnívoro instinto mentireiro.
Estou enfermo.